sábado, 18 de septiembre de 2010

José Antonio Gómez (UGT-Galicia) “O noso inimigo a combater non é a CIG, a pesar de ter estratexias diferentes”

Tema: Sindicatos

“A folga xeral do 29 de setembro vai ser un éxito e o Goberno socialista de Zapatero vai ter que rectificar”.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, defendeu no Café de Redacción de Xornal de Galicia a súa convicción de que sobran razóns para convocar e acudir a unha folga xeral. Aparte das reformas “lesivas” para os dereitos dos traballadores, Gómez é firme cando asegura que existe un déficit democrático en España, pois non é o Goberno co seu programa o que goberna, senón outras forzas autóctonas e foráneas as que o fan sen ter sido elixidas previamente nas urnas.

- ¿Que pensou cando escoitou as palabras do presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, dicindo que coa reforma laboral non traizoou os seus principios?

- Non digo o que pensei eu, senón o que pensamos todos os traballadores. Non entendo esta cabezonería, esta obrigación marcada por outras entidades. Temos todos a sensación de que Zapatero manda pouco, de que está maniatado. España deu un xiro radical na súa política económica, que se produce a partir de maio, cando o Executivo sucumbe á presión dos grupos financeiros, dos mercados, esa desgracia que temos agora, ese déficit demográfico, segundo o cal nós votamos pero os que mandan parecen ser outros.

- O feito de que a folga se convocase para tan tarde, unha vez pasado o peor da crise e xa aprobadas varias reformas, entre elas a laboral, ¿non ten un efecto desánimo entre os traballadores de cara á folga porque quizáis pensan que non hai nada que facer?

- O que tivemos claro para convocar a folga é que tiña que desenvolverse nun ámbito europeo, como así vai suceder. Entendemos que isto é positivo porque as políticas neoliberais proceden dos países europeos. Agora mesmo esas políticas estanas aplicando Grecia, Portugal, España, entre outros. Calquera folga xeral que se fixo neste país tivo consecuencias. E nós esperamos que a consecuencia neste caso sexa unha rectificación do Goberno.

- ¿Non ten a sensación de que se a folga é un éxito gañan os sindicatos e se sucede o contrario quen gaña é Zapatero e as súas políticas?

- Se hai folga é un éxito quen gañan son os traballadores, porque os sindicatos só somos os seus representantes. E se a folga é un éxito gañará o conxunto do país, porque a inmensa maioría deste país son traballadores. Pero tamén teño que dicir que, de fracasar a folga, ao mellor gañan outros, non o Goberno. Teño dúbidas sobre se esta folga pode axudar máis á dereita a chegar ao poder.

- ¿Non falta unha maior autocrítica nos sindicatos e recoñecer ante os traballadores que se equivocaron?

- Isto ten que quedar claro. Nós sempre convocamos folgas xerais cando hai recurtes de dereitos. Fixemos folgas aos gobernos do PSOE e do PP e agora desgraciadamente hai que volvelo facer. E facémolo no momento en que se rompe a negociación, e rómpese porque en ningún momento houbo un interés da patronal de chegar a un acordo. A esta reforma chámolle a reforma da flexiprecariedade. Hai que lembrar que hai non moito tempo no debate laboral estaba o tema da flexiseguridade, o modelo danés, pero finalmente o que temos enriba da mesa é a flexiprecariedade, porque temporaliza a todos, é como o modelo anglosaxón. Un traballador indefinido vai ser despedido por perdas ou previsión de perdas da empresa con 20 días de indemnización. Vano cambiar por temporais por calquer circunstancia. Por outro lado, non houbo maneira de negociar outros modelos laborais. É unha aberración o que os socialistas están facendo.

- A negociación colectiva está en vía de reforma, ¿como valora isto?

- Nós estamos dispostos a falar da reforma da negociación colectiva e concedéronnos un prazo de seis meses para enviar unha proposta ao Goberno central. O que pasa é que temos unha patronal que ata agora non contestou ás nosas propostas. A CEOE atópase moi cómoda nos postulados do Goberno e o feito de que non critique a reforma laboral é unha mostra. O tema da negociación colectiva non é baladí. A negociación colectiva xenera máis redistribución da riqueza que a política fiscal, por iso o FMI, o Banco de España e grandes gurús atacan tanto a negociación colectiva.

- O ministro de Traballo, Celestino Corbacho, dixo hai uns días que se precisarán entre tres e catro anos para recuperar o nivel de emprego previo á crise. ¿Recuperaremos ese nivel con emprego cualificado?

- Respecto da recuperación de emprego e que sexa cualificado, primeiro hai que apostar por un cambio de modelo produtivo. Neste país, para crear postos de traballo e que sexan de calidade, hai que facer unha aposta por innovación, desenvolvemento, que estamos fartos de escoitar pero sobre o que ningúen chega a facer un plantexamento serio. Desgraciadamente o Goberno de España olvidou isto. E a mostra está na paralización do debate no Congreso da Lei de Economía Sostible. Hai outras prioridades, como é atender os mercados, antes que cambiar de modelo. Agora o Executivo central está centrado en acadar un obxectivo: reducir o déficit público. Países como Estados Unidos 
(EE UU) van reducir o seu déficit en dez anos, non en tres como nós.

- En xeral, moitos traballadores teñen a sensación de que a formación a parados é de pouca utilidade para axudarlles a atopar un novo emprego. ¿Que pensa o seu sindicato sobre isto?

- Sobre a formación, todos sabemos que hai varios tipos: a formación reglada e supoño que cando me pregunta tamén se refire á formación para activos e parados. Creo que hai moito que mellorar, sobre todo na formación para activos co obxectivo de que se vaian adaptando aos cambios. Pero para conseguilo é necesario un esforzó de todas as administracións. E nós, os sindicatos, que somos axentes continuos de formación, temos un importante papel e estamos desen­volvendo un gran esforzo. A formación que damos os sindicatos está financiada coa cuota que nos pagan os traballadores, algo que non sabe moita xente.

- Hai uns días Zapatero dixo que os traballadores que se forman traballan para o país. ¿Como valora estas declaracións?

- Sobre esas declaracións teño que dicir que, ao día seguinte foron interpretadas polo secretario de Estado da Seguridade Social, Octavio Granado, quen asegurou que o presidente quería expresar que os traballadores, en vez de verse afectados por un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), se formen dentro da empresa. Iso é o que os sindicatos queríamos debatir e implantar, pero dígolle ao Goberno que agora non sirve falar do modelo alemán, porque a calquera empresa española, con esta reforma, vaille ser moito máis fácil despedir que formar os seus planteis. Nós o que esperamos é unha rectificación, como fixo co tema do endebedamento dos concellos.

- As comunidades autónomas teñen competencias en materia de emprego compartidas co Estado e gustaríame saber cal é a súa opinión sobre o papel que está desempeñando a Xunta nesta crise.

- Coincido con vostede na afirmación que fai na pregunta. As comunidades autónomas teñen competencias en materia de emprego, teñen competencias, no caso da Xunta, en políticas activas de emprego, en política industrial, en axudas ás empresas, aí está o Igape e XesGalicia, por exemplo. Nesa liña nós asinamos recentemente coa Xunta un acordo e agora estamos esperando os orzamentos para que iso se cumpra. Un acordo que vai na liña das políticas activas de emprego para adaptalas, xa que tiñamos asinado co bipartito uns bos acordos que loxicamente había que reformular. E había que facelo porque estaban vinculados a unha estabilidade que desapareceu do mercado laboral. Nós fixabamos un escenario de 30.000 parados menos e temos 27.000 parados máis. Polo tanto é preciso. Co Goberno galego anterior e o actual asinamos uns bos acordos, pero agora a pelota está no tellado da Xunta de Galicia, concretamente nos orzamentos. Estamos esperando a que nos convoquen para que todo o que está reflictido neses acordos estea nos orzamentos. Se se pode facer máis ou menos, eu penso que neste contexto de crise hai que pedir un dobre esforzo a todos os Gobernos e, no ámbito autonómico, imos esixir que ese esforzo se leve a cabo usando as nosas competencias.

- ¿Non hai contradición no seu sindicato na defensa dos intereses da mineiría en Castela e León e Galicia?

- Non hai ningún tipo de contradición en que poidamos defender en Castela e León o decreto do carbón e aquí non. Pero haberá que atopar un plan de reconversión como é debido. Eu son o primeiro en defender os criterios medioambientais, pero hai moita xente que vive do carbón.

- En Galicia dase unha unidade de acción entre UGT e CCOO, pero unha división latente coa CIG. ¿Cal é o seu punto de vista deste tema e considera que é reversible ou que nunca o será?

- O noso inimigo a combatir non é ningún outro sindicato de clase, independentemente de que nas coincidencias estratéxicas coa CIG non teñamos ningunha, porque se sitúa nunha estratexia que nós pensamos que non é boa para o conxunto dos traballadores. Nós non entendemos o sindicalismo dende o punto de vista nacionalista e creo que a CIG se coloca nunha clave de estratexia. Neste sentido, é moi complicado manter relacións entre nós para facer accións sindicais conxuntas. É importante, porén, que eles tamén vaian á folga do 29 de setembro. Que o conxunto dos traballadores, sen ter en conta o sindicato ao que están afiliados, vaian á folga. Pero nos temas básicos e nos fundamentais non temos grandes diferencias. Eles teñen unha estratexia, que é combatir o sindicalismo de clase confederal, algo que nós consideramos un erro porque non somos os inimigos.

- Tamén houbo unha ruptura coa CIG na sinatura coa Xunta do convenio do diálogo social...

- Si, pero iso forma parte do pánico que a CIG ten ao institucional.

- ¿Como ve a evolución do paro?

- A percepción que temos é que vai ir a moito peor, porque coas medidas do Goberno se vai contraer o consumo e, con iso, sube o paro.

- ¿Como interpreta que a única alternativa ao que está pasando sexa o PP?

- É unha mágoa que non haxa unha alternativa de esquerdas atractiva. O PSOE agora está facendo o traballo da dereita.

- Tendo en conta o tempo perdido, ¿non tería máis lóxica para o PSOE adiantar as eleccións para cambiar o programa electoral?

- Prodúcese unha perversión democrática porque non goberna o Executivo socialista, senón outros que non os votamos nas urnas. Se o Goberno cambia o programa a metade de lexislatura, ao mellor podo coincidir con vostede en que é necesario adiantar as eleccións. É mellor facer iso que ir á arxentinización.

- ¿Sería posible que o Executivo se presentara ás eleccións cun novo programa no que rectificara as reformas feitas?

- Eu creo que se o partido socialista quere volver a Gobernar vai ter que rectificar.

- ¿O éxito da folga non sería unha oportunidade para rectificar?

- A folga xeral ten que ser un éxito para que Zapatero rectifique.

No hay comentarios:

Publicar un comentario