Antonio Gamoneda, Ledo Ivo, Itxaro Borda e Francesc Parcerisas recibiron onte en Compostela o Premio "Rosalía de Castro", que concede o PEN a catro das linguas peninsulares.
Saramago, Torrente Ballester, Vázquez Montalban, Gimferrer, Atxaga, Sabato, Mutis e Gamoneda, desde onte mesmo, entre outros. Calquera palabra sería feliz nas súas mans e nas dos 24 autores recoñecidos nas sucesivas ediciones do premio Rosalía de Castro, galardón bianual que entrega desde 1996 o Centro PEN de Escritores de Galicia.
A poesía de Antonio Gamoneda non ten idade minúscula pero si maiúscula... Idade, título do texto que recibiu o premio Nacional de Poesía en 1988 e que tira pontes entre os versos de Rosalía e do poeta leonés nado en Oviedo, contradición natural como o é que a negra sombra retratada por ela no século XIX se irmande coa escuridade do XX feita memorias infantís por el en Un armario lleno de sombra (2009, Galaxia Gutenberg / Círculo de Lectores).
O Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presidiu onte tarde no Pazo de Fonseca a entrega dos VIII premios Rosalía de Castro, concedidos para galardoar a autores de ámbito ibérico en lingua castelá (Gamoneda), catalá (Francesc Parcerisas), vasca (Itxaro Borda) e portuguesa (Ledo Ivo).
Durante o acto, Varela destacou o papel que os Rosalía de Castro xogan como "punto de encuentro dos mellores escritores do noso plural e creativo espazo lingüístico". Tamén asistiron o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o reitor da USC, Juan Casares Long e o presidente do PEN Galicia, Luís González Tosar.
A entrega tivo como mantenedor a Miguel Anxo Fernán Vello, autor, editor e membro do xurado que resolveu o seu veredicto o pasado 15 de febreiro, prólogo dunha cerimonia de ámbito iberoamericano que o ano pasado recoñeceu a Álvaro Mutis, Joan Margarit, Mia Couto e Jon Kortazar.
Carente de dotación económica, este premio é o único de carácter literario que porta o nome de Rosalía de Castro e a súa cita en 2010 sintoniza cos actos previstos con motivo do 125 aniversario da súa morte.
A presente edición transcorreu coa única ausencia do brasileiro Ivo, "por un contratempo de saúde de última hora, delegando en Manuel Rieiro Romar, un galego que rexentou o Antonio´s, restaurante por muchos grandes da cultura brasileira", apunta G. Tosar.
"A literatura galega premia ás outras, premia libros en castelán, en portugués, en eúscaro e en catalán sen que o faga a unha obra en galego. Son as letras galegas as que mostran recoñecemento cara ás demais".
Luis G. Tosar resalta o altruísmo cultural arredor da xornada celebrada en Santiago, convertida onte en capital de literaria de varias xeografías coa oitava edición duns galardóns creados como prolongación galega dunha entidade nacida en plena resaca da Primeira Guerra Mundial.
"Cando a autora británica Amy Dawson Scotte impulsou o PEN, un organismo supranacional que defendese a liberdade de expresión e a paz", sinala Tosar. La tierra y los labios, poemario do Gamoneda de 1947 resume sen querer esa idea: a terra, lugar onde escribir; ladeiras onde abrigar outra cousa que canonazos como os que o poeta viviu como neno nacido en 1931.
No hay comentarios:
Publicar un comentario